Novas:
Convocatoria a representantes de alumnos 2007-2008.
Ata o vindeiro 16 de Novembro está aberto o prazo pra vos presentardes a candidatos de representantes de alumnos para a faculdade. Podedes face-la entrega das vosas solicitudes no reitorado, e atopar mais información eiquí.
É extremadamente importante que vos presentedes: a faculdade ten case 30 prazas de representantes de alumnos das que, normalmente, soio se cubren 3. Isto é tanto mais triste cando se sabe que o quórum para unha Xunta de Faculdade é de 25, ou que as decisiós nas comisións teñen que se tomar por consenso. Dito doutro xeito: os estudantes somos unha forza decisoria clave na política da faculdade.
Na hora de vos presentar lembrade que na nosa faculdade existe unha Asemblea, que é a única canle para a democracia directa no estudantado, e que é inútil se non posúe uns vogais que lle poidan dar voz e voto. Lede mais no compromiso dos vogais.
Importante: Cómo convocar unha asemblea
Sobor da Asemblea
A Asemblea de Física é un órgano independente formado polos estudantes da Faculdade de Física da USC pra poder expresar de forma directa a nosa opinión e tomar decisións sobor dos asuntos que concernen á vida na Faculdade.
Pra ter un poder efectivo na política da Faculdade, a Asemblea conta cuns representantes na Xunta de Faculdade: os Vogais da Asemblea de Física.
A Asemblea está dotada dun Regulamento de Réxime Interno deseñado para evitar que sexa manipulable. Deste xeito, nen persoas nen grupos poderán facer mal uso dun órgano que nos representa a todas e todos.
Regulamento de Réxime Interno da Asemblea
[ versión PDF ]
Este Regulamento foi deseñado e aprovado pola Asemblea ca fin de evitar manipulacións por parte de grupos ou indivíduos. Nel descrébese como ten que ser convocada unha asemblea e como debe de transcorrer pra que poida reclamarse lexítima.
- É membro da Asemblea do Estudantado da Faculdade de Física calquera estudante ou bolseiro da Faculdade. Nengunha outra condizón poderá ser esixida pra participar nela con plenos dereitos.
Das convocatorias:
- A Asemblea considerarase formalmente consitutída e con potestade de tomar decisións lexítimas cando se cumpran as seguintes condicions:
- Que sexa convocada por calquera dos seus membros mediante anuncio escrito pegado na metade das portas das aulas da Faculdade (e de edificios anexos e ampliazóns).
- Que a convocatoria se realize como mínimo con tres días lectivos de antelazón.
- Que a convocatoria conteña, como mínimo, a seguinte informazón: lugar, data e hora de celebrazón e orde do día. Calquera asunto que se trate na Asemblea sen estar incluído na orde do día terá carácter meramente informativo e non poderá dar lugar a decisións lexítimas.
- Poderán incumplir estas condizóns as Asembleas convocadas con carácter meramente informativo por motivo de urxencia. En todo caso, a convocatoria deberá ser igoalmente pública e non poderán tomarse decisións no nome da Asemblea.
Do funcionamento:
- Unha vez constituída, a Asemblea designará un moderador por aclamazón popular e pasará a debatir os puntos da orde do día.
- Os turnos de palabra serán abertos, salvo que se acorde o contrario para evita-la excesiva durazón dos debates. En todo caso, todo membro terá dereito a tomar a palabra se é aludido directamente pola intervenzón doutro, aínda que se pechasen os turnos de palabra e non solicitase falar previamente.
Da língoa:
- En cumprimento do Estatuto de Autonomía (artigo 5.3), da Lei de Normalizazón Lingüística aprovada polo Parlamento Galego (artigo 4.1) e os Estatutos da USC que establecen que "O galego é a língoa propia da Universidade", así como do Regulamento do Uso do Galego, todas as comunicazóns escritas (declarazóns, cartaces, propostas, iniciativas, panfletos informativos, documentos internos...) que emanen da Asemblea realizaranse en galego. A normativa será elixida polo autor material da comunicazón.
En colaborazón con este espírito a Asemblea comprométese a normaliza-lo uso oral do galego no seu funcionamento como parte da comunidade universitaria e para exemplo e prestixio da nosa língoa.
Das iniciativas e votazóns:
- Toda iniciativa presentada perante a Asemblea deberá ser defendida por unha persoa que esté disposta a responsabilizarse da sua realizazón.
- As iniciativas deberán de presentarse preferentemente por escrito.
- A Asemblea poderá modificar as iniciativas presentadas perante ela antes da súa aprobazón. Se a persoa que presentou a iniciativa considera que unha modificazón en debate vai en contra do espírito daquela, poderá negarse a responsabilizarse da sua realizazón. Dita negativa deberá de expresarse antes de votar a modificazón, e so se continuara con ela se algun outro membro se manifesta disposto a levar a cabo a iniciativa modificada. As distintas modificazóns propostas deberán de votarse por separado.
- As votazóns serán a man alzada, debendo estar escrita na pizarra nese intre a parte da iniciativa que está a se votar, así como tódalas outras opzóns. Para a aprobazón da proposta será dabondo ca maioría simple.
- Unha vez aprobada a iniciativa, poderá elixirse un grupo de persoas que se encarguen da súa realizazón, sendo necesariamente a persoa que realizou a proposta o seu coordenador.
- No caso das Asebmleas constituídas regularmente, recoméndase que a orde do día conteña un punto onde se analicen os resultados da iniciativa ou iniciativas en curso, incluíndose nese punto a petizón de explicazóns á persoa ou persoas responsables se fose necesario.
Das asociazóns de estudantes:
- Sendo o dereito de asociazón un dereito básico e irrenunciable das persoas, non se impedirá por nengún medio a participazón normal dos membros de asociazóns estudantís na Asemblea. Asemade, a Asemblea escoitará e debatirá normalmente calquera proposta que unha organizazón queira someter á súa aprobazón, fomentando dese xeito o seu papel natural como foro común a todas as sensibilidades e liñas de pensamento.
Da modificazón do regulamento:
- Será preciso para a modificazón deste regulamento unha maioría do 90% da Asemblea.
Este regulamento foi aprovado unánimemente pola Asemblea de Estudantes de Física en Xuño do 2004.
Sobor dos Vogais
O órgano máximo de governo, segundo os estatutos da USC, da Faculdade é a Xunta de Faculdade. Nela están representados Profesores, PAS, e Alumnos. Os representantes son escolleitos anualmente polo colectivo ó que representan.
Os Vogais da Asemblea de Física son todos aqueles representantes do estudantado, tanto independentes coma pertencentes a sindicatos ou asociazóns, que adquiran un compromiso ca democracia directa, poñendo os seus cargos a disposizón da Asemblea para que esta teña voz e voto efectivos na Xunta de Faculdade.
Pra dúbidas, asesoramento, propostas e comunicacions en xeral, o correo dos vogais é: vogais@ceibes.org.
Compromiso:
Os Vogais da Asemblea de Física son unha agrupazón formada por todos aqueles candidatos á Xunta de Faculdade de Física que asuman os seguintes compromisos:
- Manter a Asemblea informada de todo aquilo que chegue ó seu coñecemento por mor do seu cargo.
- Consultar ca Asemblea calquera iniciativa persoal relacionada cos seus cargos.
- Apoiar co seu voto calquera iniciativa presentada pola Asemblea na Xunta de Facultade ou en calquera das súas comisións, independentemente da opinion persoal ao respecto.
- Presentar e defender calquera iniciativa da Asemblea naqueles ámbitos nos que sexa condizón formal para a sua defensa o cargo para o que se resulte elixido.
Isto non representa un compromiso de opinión. Igoal que calquera outro, os Vogais poden e deben defender a súa conciencia. É o cargo electo e o poder institucional o que se pon a disposizón do estudantado constituído en Asemblea.
As organizazóns estudantís son a materializazón das diversas sensibilidades e liñas de pensamento presentes na Faculdade. Os Vogais pretenden que os representantes do estudantado nas instituzóns respondan ante un organo de estudantes, impedindo así a apropiazón do (xa escaso) espazo que se nos deixa nas instituzóns por parte de grupos apoiados polo sector hexemónico e os seus recursos. A integrazón dos membros das organizazóns nos Vogais respeita a ideoloxía e militancia destes, engadindo o nome da organizazón á súa candidatura como expresión pública da sú postura (por exemplo, Vogais-ETC).
Se estás dacordo con estes principios, e estás interesado en ser Vogal da Asemblea, ou participar nas actividades dos Vogais ou da Asemblea de calquera xeito, ponte en contato connosco no enderezo vogais@ceibes.org.
Documentos da Asemblea
Ligazóns a outros webs
Copyleft (c) Asemblea do Estudantado da Faculdade de Física. O material eiquí presente pode ser reproducido e empregado baixo dos termos da licenza Creative Commons Attribution-Sharealike. Deseño polo Gatonegro.